P. Para ser un 100tolo, é obrigatorio competir?
R. Non, nenos e adultos poden practicar esgrima en 100Tolos como unha actividade exclusivamente deportiva de ocio. Animamos a participar en competicións por todo o que isto aporta á hora de madurar e medrar nivel social e persoal.
P. En que consiste unha competición de esgrima?
R. En cada competición, temos dúas fases, unha primeira denominada fase de poules, onde os tiradores se organizan en grupos de entre 5 e 8 por poule ou grupo. Nese grupo todos tiran asaltos contra todos a 5 tocados nun tempo máximo de 3 minutos. Como resultado das poules, en función da cantidade de victorias, diferencial entre tocados dados e recibidos e número de tocados feitos, obtense unha lista de clasificación que se emprega para a segunda fase, a fase de cruces, con eliminatorias onde dous tiradores se cruzan en asaltos a 15 tocados nun máximo de 3 asaltos de 3 minutos (en sabre, 2 asaltos) até chegar ós asaltos de medalla. Coa excepción dos Xogos Olímpicos, non se disputa o terceiro posto, premianse dous terceiros postos no seu lugar. En categorías inferiores a M15 e en veteranos, os cruces son a 10 tocados.
P. Que xestións son precisas para asistir a unha competición?
R. En primeiro lugar, deberemos contar coa ficha federativa da federación responsable da competición (FGE, RFEE...). Esta ficha a tramitará o clube. Antes da data límite de inscrición á competición, comunicamos ó clube que queremos competir e será este quen nos inscriba. Debe ser o clube porque a xestión de árbitros depende do número de tiradores que presenta cada un, e pode implicar a obriga de levar un ou máis árbitros. De cara á competición é importante coñecer os horarios, e presentarse antes da hora de chamada a tiradores. Esta hora, que virá especificada na información da competición, é a hora límite que un tirador ten para confirmar que asiste á competición. Isto tamén é importante, porque é preciso coñecer o número exacto de tiradores para poder xerar as poules. Así, o habitual é que este límite sexa 30 minutos antes do inicio da competición. A confirmación do tirador pode ser feita polo equipo, non é preciso que sexa o propio tirador quen a faga. A partires de aquí, estaremos atentos á chamada a tiradores para coñecer a poule e pista na que comezaremos a competición, para presentarnos ante a chamada que fará o árbitro que leva a poule.