Práctica da esgrima

P. Preciso mercar equipación para comezar a practicar esgrima?

R. Non. En 100Tolos dispoñemos de roupa e armas coas que poder iniciarte sen necesidade de mercar nada.


P. É a esgrima un deporte perigoso?

R. Non. Pese á orixe da esgrima e ó emprego de armas, trátase dun deporte de escaso contacto e cunhas proteccións que o fan moi seguro, ademáis de ser unha actividade pouco lesiva en comparación con outros deportes maioritarios.


P. É un deporte caro?

R. Isto sempre é relativo e subxectivo, pero posiblemente sexa mais barato do que se pode pensar polas necesidades de protección da roupa e polas armas. É posible adquirir unha equipación completa nova (roupa, careta e arma), por 150€. Esta equipación dura anos (no caso dos nenos depende do ritmo de crecemento). As armas poden durar tamén anos, aínda que as follas das espadas son o elemento mais susceptible de romper e precisar ser cambiado.


P. Realmente é unha actividade física?

R. Si. Pese á importancia do compoñente estratéxico e de habilidade no manexo da arma, a esgrima de competición é un deporte esixente a nivel físico e como tal precisa dunha preparación axeitada para chegar a este nivel.


P. Eu non practico deporte. Se é esixente a nivel físico, é a esgrima un deporte para mín?

R. Si. É moi esixente a nivel de competición. Chegar a roldas finais dunha competición supón un esforzo físico grande, pero como comentamos antes, hai un compoñente de estratexia de de habilidade no manexo da arma que son fundamentais, e que nos permiten practicar a esgrima ó nivel físico que teñamos. Adicionalmente é un bo deporte para mellorar o tono físico se non practicamos deporte ou hai moito que non o facemos.


P. Podo comezar a practicar esgrima de adulto?
R. Si. En 100Tolos son benvidas todas as idades e contamos cun horario específico para grupos de veteranos. É incluso un deporte apto para poder practicar a esgrima conxuntamente en familia.


P. A que idade pode comezar a facer esgrima un rapaz?

R. En 100Tolos traballamos con nenos dende os 5 anos de idade.